Friday 03 de May de 2024

O concello pulsará a opinión dos sectores económicos e a cidadanía acerca da posible declaración da Dorna como festivo local


O alcalde de Riveira mantivo unha xunta de portavoces con representantes dos distintos grupos políticos municipais ao obxecto de abordar distintos asuntos de interese.

Un deles ten que ver directamente con algo que se aprobou o pasado luns en pleno ordinario, como é o estudo da posible declaración da festa da Dorna como festivo local. A este respecto, acordouse realizar dous tipos de enquisas: unha dirixida aos sectores económicos do municipio (comercios e hostalería) e a outra á cidadanía en xeral, esta última a través dun cuestionario para 300 persoas repartidas por parroquias e grupos de idade.

Os resultados obtidos servirán de base para unha posterior reunión cos representantes dos sectores económicos afectados e coa propia Confraría da Dorna.

Alumeado
Por outra parte, no encontro de hoxe deuse conta da resolución do Trinunal Administrativo Central de Recursos Contratuales do Ministerio de Fomento e Administracións Públicas no que se desestima o recurso administrativo interposto por CLECE S.A. en relación á súa exclusión na licitación para o contrato de iluminación pública exterior. En base a isto, está previsto que a empresa adxudicataria Ferrovial Servizos comece a funcionar o vindeiro 1 de abril.

E un terceiro asunto é a viaxe do alcalde a Estados Unidos a primeira semana de marzo con motivo da inauguración no Instituto Cervantes de Nova York da exposición “Os Caprichos de Goya de Dalí”, pertencente aos fondos do Museo do Gravado de Artes, acto que vén coincidir ademais co requerimento efectuado polo Ministerio de Fomento e Seguridade Social para que o rexedor participe na entrega da medalla de prata á emigración a María Jesús Vila, veciña de Palmeira moi querida pola comunidade emigrante e que traballa no eido da educación en Newark (New Jersey).

Ruiz Rivas aproveitará a súa estancia para reunirse coa numerosa poboación riveirense residente na costa leste dos Estados Unidos e visitar centros galegos de referencia como a Casa Galicia e o Centro Ourensán.